Homenaxe aos Mártires de Sobredo

O movemento veciñal de Galicia rende homenaxe aos Mártires de Sobredo

Domingo, 29 de novembro de 2009 
Guillarei – Tui
 

Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (CO.GA.VE.) e Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, coa colaboración do Sindicato Labrego Galego, organizan os actos de “Conmemoración do 87 Cabodano dos Mártires de Sobredo”. Este domingo 29 de novembro a partir das 11.00 horas na parroquia tudense de Guillarei.

Esta homenaxe quere traer á memoria colectiva a resistencia heroica do campesiñado galego fronte ao pago dos “foros”, un imposto herdado da Idade Media que condenaba ao campesiñado a unha agricultura de subsistencia. Os feitos cruciais daquela resistencia tiveron lugar o 27 de novembro de 1922 cando en Sobredo (Guillarei, Tui), preséntanse Xuíz e Garda Civil para embargar os bens dun veciño que non pagaba o foro. A toque de campás, xuntáronse unhas duas mil persoas da bisbarra; foi ao disolver a forza pública a manifestación a tiros que tres persoas resultaron mortas.

Estes acontecementos tiveron fonda repercusión e fixeron ao goberno reflexionar e ver a necesidade de achegar unha solución ao conflicto agrario, que finalmente daría na redención dos foros. Foi grazas á actitude loitadora e comprometida destas mulleres e homes do agro, que se conseguiu abolir un dos residuos da sociedade estamental, que condenaba en vida ao campesiñado.

Actos

11.OO h. Concentración na Carballeira de San Xosé (Sobredo) e desprazamento até o monumento aos mártires. 
12.00 h.   Intervención de: 
               -
Anselmo López Carreira, historiador  
12.30 h.    Homenaxe á Asociación Veciñal de Lavadores 
13.00 h.    Clausura do acto coa Ofrenda Floral e a actuación do grupo de música tradicional da A.V. de Lavadores e invitación a viño e rosquillas