TRANSPORTE METROPOLITANO : VOLVER A EMPEZAR
A nova periodística da enésima reunión sobre o “futuro transporte na futura area metropolitana” que se celebrou a pasada semana entre o Director Xeral de Mobilidade e os representantes dos concellos afectados, foia ausencia dos alcaldes de Moaña e Cangas.
Que sexa esta a noticia é precisamente o que delata a inutilidade destas reunións: o morbo das presenzas e as ausencias. A habitual ausencia de Caballero xa non é noticia.
Para a Plataforma resulta patético que os que abortaron o plan piloto do transporte metropolitano de ría o ano pasado, intenten xustificar agora o seu fracaso de xestión coa ausencia de dous alcaldes nunha nova reunión de presentación.
O duro traballo e a presión social fixo posible a sinatura dun protocolo en xaneiro do 2009 e a redacción dun convenio do transporte metropolitano de ría para ser asinado en setembro do mesmo ano que os usuarios seguimos esperando. O presidente deste goberno que se gaba de cumprir súas promesas, dixo ben alto e claro en Moaña “no mes marzo do 2010 teremos transporte metropolitano de ría”, Vese que na Consellería entenderon ben a consigna política “en marzo do 2010, volver a empezar”, como xa o fixeron antes, eles e outros, no 2003, no 2005 e no 2008...
A Plataforma, que participa e apoia decididamente o traballo a prol do transporte metropolitano que veñen desenvolvendo as Federacións de AAVV de Vigo, Redondela e Val Miñor, que concluíu o pasado mes coa presentación do Caderno Branco da Mobilidade e cun ultimátum a Consellería, coñece perfectamente que esta foi unha reunión escaparate para responder a esta intensa campaña do movemento veciñal.
Pero nos parece un xesto ben inxenuo e de dubidosa utilidade para os usuarios que os concellos de Cangas e Moaña non estiveran representados nesta reunión. Non tiñan porque ir os alcaldes, existen concelleiros do ramo que ben puideron asistir para manifestar a posición que logo os Alcaldes trasladaron os medios e cos que, lamentablemente, temos que estar de acordo: se non hai transporte metropolitano de ría é porque a Xunta non quere.
E xa non hai tempo que perder. Na Coruña, Ferrol e Santiago o sistema funciona dende hai 8 anos, sen que se formalizara a Area Metropolitana; Lugo, Ourense e Pontevedra vanse a incorporar nas mesmas condicións. Na comarca seguimos a velas vir cun custo estimado para os cidadáns de 12 millóns de euros.
Paco Ferreira.
Voceiro 687 870 864
Marzo, 2010
Grupo de traballo da Plataforma: Federación AAVV A Chamusca (Moaña), Federación de AAVV Eduardo Chao (Vigo), Federación de AAVV de Cangas, Plataforma de Defensa da Ría de Vigo, CIG e Usuario/as do transporte de ría.
