Select Page

A alcaldesa recibía esta mañá no Concello á Confederación Galega CoGaVe que durante os próximos dous anos presidirá a Federación Lucus Augusti.

Durante o encontro a rexedora lembrou algúns dos logros acadados na cidade grazas á demanda social e repasou outras débedas históricas que seguen pendentes en Lugo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu hoxe no Concello á Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (CoGaVe) nun acto oficial no que a rexedora felicitou á Federación Veciñal Lucus Augusti por asumir a presidencia deste colectivo durante os próximos dous anos.

Lara Méndez subliñou, durante o encontro, que tivo lugar no Salón de Plenos – e no que participaron as federacións de A Coruña, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Cangas do Morrazo – a transcendencia do movemento veciñal como un dos principais mecanismos para propiciar a participación cidadá en cuestións de interés xeral.

“Mostra do seu incansable labor son logros tan importantes como a consecución do servizo de Hemodinámica 24 horas no HULA que, estamos seguros, non se tiveran acadado senón fora pola presión da demanda social”, sinalou ao tempo que mencionou tamén outras das mobilizacións que se levaron e levan a cabo en eidos como pode ser o das infraestruturas, “esixindo débedas históricas como o é a Rolda Leste, ou culturais e de atractivo turístico en prol da dinamización económica do municipio, como será o futuro Museo da Romanización”.

“Pero as agrupacións de veciñas e veciños son tamén un altofalante – indispensable para as administracións – das súas reclamacións ao respecto de pequenas incidencias do día a día que melloran o funcionamento da cidade”, engadiu a alcaldesa que aludiu a aspectos tan primordiais como a reparación do firme das rúas, o arranxo das avarías que se producen na iluminación pública, así como a cuestións relacionadas coa seguridade viaria, a mellora da sinalización ou o repintado dos pasos de peóns, etc.

“O movemento asociativo axuda, alén, a facer cidade, aportando solucións e alternativas para o aproveitamento de espazos libres nos barrios co fin de dinamizar, potenciar e mellorar a convivencia neles”, engadiu a rexedora que puxo como exemplo a recente creación da nova praza que se inaugurará proximamente na Piringalla.

“Para o Concello e para o goberno local sodes un piar e un apoio fundamental, o mesmo que aspiramos a que esta Institución o sexa para vós e onde vos recibimos sempre coa man tendida, primeiro para escoitar as vosas demandas e logo para telas en conta e atendelas na medida do posible”, sostivo Méndez.

A alcaldesa enxalzou igualmente o destacado papel que “neste contexto de pandemia, que xera moita máis vulnerabilidade social, desempeñades para acadar que ningún veciño ou veciña quede atrás”.

Lara Méndez fixo especial fincapé na vehemencia coa que CoGaVe e a Federación Lucus Augusti están a defender o reparto equitativo dos recursos públicos, “poñéndose ao carón, como tamén pretendemos dende o Concello, das e dos que tendo os mesmos dereitos actualmente non dispoñen de todas as prestacións públicas”.

“Falamos de corrixir a brecha que aínda existe entre o urbano e o rural, de loitar para reverter a Galicia baleirada. Obxectivos que se conseguen con máis e mellores servizos, levando dotacións como redes de abastecemento e saneamento e mesmo incrementando a cobertura móbil e de internet nas parroquias para que a cidadanía poida asentar e desenvolver nelas o seu proxecto de vida. Unha meta que non debera ser inalcanzable se todas as partes, administracións e sociedade, camiñamos da man”, concluíu a alcaldesa.

FUENTE: https://www.concellodelugo.gal 23/04/2021
GalegoEspañol