Martes 4 de Maio, 2021
Desde a Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” – CoGaVe -que aglutina as Federacións Veciñais máis importantes de Galicia, cun total de aproximadamente 500 asociacións-, e tralo anuncio de que este ano, 2021, as persoas afectadas por ERTE poderán fraccionar o pago da declaración de IRPF en varios meses sen intereses, dirixímonos a tódalas Administracións e poderes públicos con competencias nesta materia para que teñan presente a situación de especial vulnerabilidade destas persoas e que é, ademáis, por causas alleas á súa vontade.
A pandemia motivada pola COVID19 derivou nunha crise a moitos niveis, e moi especialmente económica, o que sitúa nunha posición de extrema vulnerabilidade a milleiros de persoas e familias, afectadas por ERTE ou paro, e que ó ter máis de 1 pagador, estarán obrigadas –segundo o criterio actual- a pagar na declaración da renda cantidades que, en moitos casos e especialmente na situación de crise actual, son inasumibles para elas.
Desde a Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” – CoGaVe, consideramos pouco coherente e moi inxusto, especialmente na situación de crise económica actual, o criterio imperante de que os límites para as persoas que teñen máis de 1 pagador á hora de realizar a declaración da renda sexan inferiores a quenes teñen só 1 pagador. Esta situación só pode contribuír a agravar –e moi considerablemente- a situación de pobreza e extrema vulnerabilidade de milleiros de persoas e familias que están a sufrir directamente as consecuencias económicas da pandemia.
Neste sentido, desde a Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” – CoGaVe, solicitamos que o límite para a obrigatoriedade de declaración do IRPF sexa único, e o mesmo que ata o momento presente estaba fixado para as persoas con 1 único pagador: 22.000 euros anuais.
Non podemos esquecer, e así llo queremos lembrar tamén ás Administracións e poderes públicos con competencias nesta materia, que a dramática situación actual é sobrevida por causas en todo punto alleas á vontade de calquera persoa. A pandemia non entende de situacións concretas, pero dana con maior crudeza a quen no seu día a día dispón de menos medios económicos e ten que facer un esforzo maior para saír adiante.
Situacións como a que estamos a vivir como sociedade deben fomentar a comprensión e a empatía entre tódalas persoas, e tamén contribuír, entre todos, a axudar a quen peor o está a pasar nestas circunstancias. Só desta forma sairemos adiante e, pese á crudeza da realidade actual, reforzados como sociedade.
Agardamos que a nosa petición, dada a súa importancia directa para as persoas de maior vulnerabilidade, sexa tida en conta polas autoridades competentes nesta materia.
Xunta Directiva da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de
Castro” – CoGaVe.
FUENTE: PONTEVEDRA VIVA 4/05/2021