













Hoxe, sábado 20 de novembro de 2021, celebramos a sexta xornada «Xuntos contra a Violencia de Xénero», pertencente a un convenio de colaboración entre a CoGaVe -Confederación Galega de Asociacións Veciñais «Rosalía de Castro»- e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para a elaboración e posta en marcha dun programa de prevención e sensibilización desta lacra social que é a Violencia de Xénero.
A xornada de hoxe foi de tipo práctico, e levou o título de «Taller de Autoprotección para a Muller». Foi impartida polo Instructor experto en Portección e Seguridade e membro do clube «OVIEPOL» e da Federación Asturiana de Luchas Olímpicas e outras disciplinas, D. José Antonio Serrapio Ramos. Esta xornada complementa a realizada o pasado día 6 de novembro de 2021, de tipo teórico, na sede da Federación de Asociacións Veciñais «Lucus Augusti» da provincia de Lugo -Rúa Luis Ameijide, 10. 27.003, Lugo-, e levada a cabo polo tamén Instructor experto en Protección e Seguridade e membro do clube «OVIEPOL» e da Federación Asturiana de Luchas Olímpicas e outras disciplinas, D. Iván Rodríguez Zapico.
Esta sexta xornada tivo lugar en Poio, Pontevedra. Ó tratarse dunha sesión práctica e deportiva, tivo lugar no Ximnasio Municipal de Poio -Camiño da Fábrica, 25. A Seca. 36.995, Poio, Pontevedra-. Nesta xornada, ademáis de público aberto -tanto feminino como masculino-, participou unha representación da Asociación de Mulleres en Igualdade de Poio, encabezada pola súa Presidenta, Dna. María José González López.
A xornada estivo dirixida por Dna. María José Villamarín Santomé, coordinadora do programa «Xuntos contra a Violencia de Xénero», e tras unha breve presentación inicial deu paso á sesión práctica, dirixida polo Instructor D. José Antonio Serrapio Ramos.
Ó longo de máis de 3 horas de duración, o público asistente -feminino e masculino- tivo oportunidade de aprender e practicar, nun ambiente distendido, diversos exercicios e movementos de defensa, claves en situacións de risco para a propia vida.
A conclusión unánime foi clara: este tipo de sesións son moi útiles e deberían realizarse con maior asiduidade. Agardamos, polo tanto, que exista continuidade.