Select Page

O pasado 25 de febreiro de 2022, venres, a Xunta Directiva da Confederación Galega de Asociacións Veciñais «Rosalía de Castro» – CoGaVe, presidida por D. Fernando Rois Rois, recibiu a visita da Presidenta da Fundación SALMA -Fundación para o coidado da Saúde Mental en Galicia-, Dna. Ana Lucía González Novás.

Cumpre lembrar que a CoGaVe xa expresou públicamente o seu compromiso coa causa da Fundación SALMA, a través dun Manifesto asinado polas 7 Federacións de Asociacións Veciñais que integran a CoGaVe -Federación de Asociacións Veciñais «Lucus Augusti» da provincia de Lugo, Federación de Asociacións Veciñais «Limiar» da provincia de Ourense, Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana, Federación de Asociacións Veciñais «Castelao» de Pontevedra, Federación de Asociacións Veciñais «Roi Xordo» de Ferrol, Federación de Asociacións Veciñais «O Facho» de Cangas do Morrazo e Federación de Asociacións Veciñais «Eduardo Chao» de Vigo- e polo propio Presidente da CoGaVe -D. Fernando Rois Rois, en outubro de 2021, e difundido ós medios de comunicación. Manifesto que recuperamos nesta entrada.

No transcurso de dita reunión, planificouse a realización de diversas xornadas ó longo de toda Galicia, divulgativas sobre a Saúde Mental e as necesidades que en pleno ano 2022 seguimos a ter, como sociedade, neste eido.

Deste xeito, abriuse un proceso de concreción de datas para a celebración de ditas xornadas, que terán un formato de mesa redonda, con diversos profesionais especialistas nesta materia, e cun marcado carácter participativo.

O vindeiro 17 de marzo de 2022, xoves, a Federación de Asociacións Veciñais «Lucus Augusti» da provincia de Lugo, presidida por D. Jesús Vázquez Varela, e integrante da CoGaVe, acollerá unha destas xornadas, ás 19.30h. no seu local social -rúa Luis Ameijide, 10. Entrechán C. 27.003, Lugo-.

Desde a Confederación Galega de Aociacións Veciñais «Rosalía de Castro» – CoGaVe agradecemos a Dna. Ana Lucía González Novás, Presidenta da Fundación SALMA a súa visita e proposta destas xornadas, e seguiremos loitando, para que a sociedade coñeza máis e mellor acerca desta temática fundamental para a vida diaria de calquera persoa en pleno século XXI: a Saúde Mental e a súa implicación directa na calidade de vida persoal.

GalegoEspañol