Os carteis denunciando aos banqueiros por ser «ladróns de guante blanco» e rexeitando as comisións bancarias volven ás rúas nunha nova concentración organizada pola Federación de Asociacións de Veciños de Pontevedra Castelao. Este xoves día 3 de marzo decenas de persoas reuníronse na sede do banco Santander da rúa Gutiérrez Mellado para solicitar mellores condicións como clientela.
Desde a última manifestación, seguen facendo presión sobre as entidades que ampliaron o seu horario só para persoas maiores de 65 anos. O presidente da Federación, Juan Manuel Loureiro, defende que o xusto é «volver á asistencia presencial para todo mundo», ademais da apertura de sucursais polas tardes para que a xente que traballe pola mañá teña opción de ser atendida en persoa.
Por outra parte, critica que os bancos reciban axudas da Xunta para establecer novos caixeiros. «Pagamos tres veces o caixeiro: págaos o concello para o local, eles non tributan nada, e máis a Xunta dalles a subvención» comentou.
Así mesmo, desde a Federación reclámase un mellor tratamento para a cidadanía máis excluída, como aquela que opta á Renta de inclusión social de Galicia (RISGA). Para recibir as axudas, deben ter unha conta bancaria, coas conseguintes comisións. Polo tanto, en moitos casos, «cando cobran a axuda xa non a ven, xa lle desaparece porque a maioría deles teñen deudas».
O sacerdote Javier Porro tamén acudiu coa premisa de que a actuación dos bancos «es algo que va en contra de la dignidad de la persona, se están aprovechando de una situación que está poniendo a la economía y a los intereses por encima de la persona».
A veciñanza continuou desaprobando a obriga que teñen os clientes «a facer unhas cousas que nós non sabemos e non temos por que saber», como o pago mediante tarxeta ou móbil. Do mesmo xeito, ao realizar unha consulta telefónica, «enróllante de tal maneira que non te enteras nin do que che din».
De non chegar a un acordo, Loureiro afirma que nas reunións de movementos veciñais de Galicia planéase culminar nunha gran protesta colaborando entre todas as localidades clave, mais confía en que os bancos «sexan sensatos» e escoiten as súas protestas.
Por Raquel Currás Martínez & Mónica Patxot
PONTEVEDRA
FONTE: PONTEVEDRAVIVA!COM
3/03/2022