A restrición xera queixas entre os usuarios desta autovía entre Lugo e Santiago
Un treito de once quilómetros da autovía A-54, entre Lugo e Santiago, ten a velocidade máxima limitada a 100 por hora. O tramo en cuestión, entre os quilómetros 12 e 23, conta cun bo trazado e ten o pavimento en perfecto estado, polo que a restrición de velocidade xerou queixas entre os condutores dende que a vía fora inaugurada en 2015.
A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo leva anos reclamando a revisión do límite de velocidade neste tramo. Solicitáronlles, en repetidas ocasións, tanto ao Ministerio de Transportes como á Subdelegación do Goberno, que se tivesen en conta as boas condicións da vía para subir a velocidade máxima permitida a 120 quilómetros por hora.
«O que non podemos ter é uns técnicos facendo autovías e gastando o diñeiro dos contribuíntes para andar á mesma velocidade que nunha estrada. Pedimos que se nos explique por que se gastan os cartos e hai once quilómetros a 100 por hora, unha limitación que nos parece excesiva», di Fernando Rois, voceiro da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo.
Agora, dende a Dirección Xeral de Estradas anunciaron que a limitación de velocidade neste tramo da autovía A-54 está a ser obxecto de estudo.
FUENTE: G24.GAL
Félix Aragunde
25/03/2022 13:54