A golpe de chifre e pegadizos cánticos, unha vintena de persoas protestou esta mañá contra a cobranza de comisións «abusivas» por parte dos bancos aos seus clientes e tamén para evidenciar o molestar polo peche de sucursais no rural que están a empezar a ser substituídas por caixeiros subvencionados pola Xunta.
Convocada pola Federación de Asociacións de Veciños Castelao, inmersa nunha campaña de protesta contra os bancos que os leva a manifestarse de forma rotativa diante das diferentes entidades bancarias da cidade, a mobilización centrouse esta vez nos novos caixeiros que xa están en marcha nalgunhas localidades galegas.
«Acábanse de poñer en marcha en concellos doutras provincias os caixeiros que nós estabamos denunciando subvencionados pola Xunta. O importe que lles dá a Xunta por cada caixeiro é de 14.000 euros. Non é de recibo que volvamos meter cartos nas entidades bancarias», quéixase o presidente do colectivo, Juan Manuel Loureiro, quen engade que encima se instalan «en locais cedidos polos concellos, non pagan nin impostos de aluguer», denuncia.
Non esquece tampouco a cidadanía a subida dalgunhas comisións bancarias. «Se alguén non se deu conta aínda, algunhas comisións bancarias incrementáronse ata un 100 %», alerta nun novo chamamento ás mobilizacións para tentar dar a volta á situación.
Con este obxectivo, o movemento veciñal de Galicia solicitou unha entrevista co gobernador do Banco de España.
Cabe lembrar que desde a Xunta xustifican a instalación deste novo tipo de caixeiros como unha medida para «a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de forma semellante a unha oficina bancaria, solucionar de maneira presencial dúbidas e contratar servizos financeiros; e unha oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías».
Por Manu Otero
Pontevedra
FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM 1/04/2022.