Select Page

Por Raquel Currás Martínez
hai 19 horas

Pontevedra

Protesta diante da oficina de CaixaBank
© PontevedraViva

Unha semana máis, decenas de persoas volveron a reunirse contra as «elevadas» comisións e a «deshumanización» das entidades bancarias. Nesta ocasión, a convocatoria da Federación de Asociacións de Veciños de Pontevedra Castelao tivo lugar na sucursal de CaixaBank situada na rúa Benito Corbal.

Juan Manuel Loureiro, o presidente da Federación, recordou que están facendo «unha carreira de fondo» mediante o percorrido por todas as entidades da cidade ata conseguir un cambio real, non só promesas «que non cumpliron». 

Alén do problema cos horarios de atención ao público, inciden na envergadura do importe das comisións. «Se estamos en época de crise, non pode ser que as comisións que estemos pagando sexan tan elevadas» defende Loureiro, pedindo rebaixas e medidas adaptadas á situación actual. 

Por outra parte, continúan denunciando os novos caixeiros implantados nalgúns concellos, unha ferramenta que provoca unha gran inseguridade por ter que introducir «o teu DNI por un lado e a túa tarxeta por outro». Deste xeito, lamentan que «somos dúas veces atracados: unha polos bancos e outra polos cacos».

O presidente comentou que, da mesma forma en que o goberno se implicou co tema da gasolina e da electricidade, as comisións tamén precisan ser reguladas. «En vez de gastar os cartos en caixeiros automáticos», Loureiro opina que o diñeiro debería investirse na rebaixa de comisións e no contrato de persoal, xa que «estamos destruíndo postos de traballo, estamos deshumanizando todo».

A fin de incidir na presión, desde a Federación planéase organizar unha protesta conxunta co Movemento Veciñal dalgunhas localidades como Vigo, Moaña e Cangas despois de Semana Santa.

Cidadán na protesta diante de CaixaBank
© PontevedraViva
Juan Manuel Loureiro, presidente da Federación Castelao, na protesta contra os abusos bancarios
© PontevedraViva
Protesta diante da oficina de CaixaBank en Benito Corbal
© PontevedraViva

FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM 7/04/2022.

GalegoEspañol