Galicia Baleira anuncia mobilizacións en Galicia en caso de persistir a Administración en non atender as demandas do rural.
17 Abril, 2022
A Plataforma cidadá Galicia Baleira sinalou o seu profundo malestar pola “falta de respecto” da Administración “non escoitar as demandas que desde hai tempo vimos reclamando de maneira continuada” sobre todo á Consellería de Medio Rural. “E somos máis de 400 asociacións veciñais de Galicia”.
Galicia Baleira solicita de forma clara unha atención presencial a todos os niveis e en todos os servizos públicos para o ámbito rural. “Solicitamos en diferentes ocasións a creación dun portelo único para todos os trámites administrativos nun só punto, sen cita previa e próxima ao Mundo Rural”.
Ademais reclaman para as zonas deprimidas “eliminar un 90% da documentación requirida porque a administración publica dispón da mesma na maioría dos casos”. Consideran necesario aumentar o número de funcionarios acaído para atender as demandas do sector e para unha xestión eficaz.
A palataforma tamén ve necesario eliminar os recortes realizados nos servizos públicos no medio rural e paralizar os previstos. Pídese tamén crear puntos de proximidade do Rexistro de documentación e facilitar así o acceso á consulta de expedientes. Galicia Baleira reclama un Plan especial de resposta e Atención á Terceira Idade e facilitar o transporte público desde os lugares de residencia aos puntos de xestión administrativa.
Como medidas económicas, Galicia Baleira propón promover todas aquelas actividades relacionadas co mundo rural. Para iso convén, segundo a asociación, reducir en parte a documentación requirida para a obtención de licenzas edificatorias e de todas aquelas axudas ás que ten dereito a cidadanía.
RECORTES DE SERVIZOS
A pesar disto, Galicia Baleira cusa á Xunta de Galicia de continuar cos recortes de servizos e persoal, “obrigando á xente a ter que realizar trámites, permisos e solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos”. Dito isto, no comunicado da asociación sublíñase que “estamos fartos de ineficaces e desinformados xestores“.
Denuncian que máis do 85% da poboación no rural non coñece correctamente o uso e funcionamento das ferramentas electrónicas, cousa que impide a súa utilización. A isto debe sumárselle que a cobertura de Internet “aínda non chegan ao 40% da poboación en xeral e a un 75% no rural”.
As melloras solicitadas irían destinadas á redución de gastos “para xestorías” e que os datos da poboación non estean “á vista de todo o mundo para cousas tan sixelas como pedir unha subvención”.
Galicia Baleira anuncia mobilizacións en Galicia en caso de persistir a Administración en non atender as demandas do rural. Engaden que se continúan as actuais políticas con “todos eses personaxes que desde os seus despachos queren continuar baleirando o rural”, Galicia Baleira ou La España Vacía, poderían concorrer a futuros procesos electorais.
FUENTE: LUGO XORNAL 17/04/2022.