Select Page

Sáb, 11/06/2022 – 09:33

José Tomé Roca entregou cinco dos galardóns e fixo un especial recoñecemento aos premiados e premiadas, “unha fotografía dos sectores sociais que conforman a fortaleza da provincia de Lugo”

O mandatario provincial salientou que todos os galardóns son importantes, “pero estes, que libremente deciden os veciños e as veciñas, penso que teñen un significado especial”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na gala de entrega dos Premios Milagrosistas do Ano que acolleu o auditorio lucense Gustavo Freire. A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa organiza este evento, no que premiou a 20 persoas e entidades da provincia.

José Tomé foi o encargado de entregarlle a distinción a cinco dos galardoados. “Estes premios son xa unha tradición consolidada na cidade de Lugo e na provincia, e este ano avanzan na recuperación da normalidade, despois das limitacións que impuxo a pandemia”, subliñou o Presidente, ao tempo que felicitou á asociación da Milagrosa porque os galardóns “son tamén un xeito de facer provincia, lémbrannos que as nosas capacidades e posibilidades de futuro multiplícanse cando traballamos xuntos pola nosa provincia”. 

O mandatario provincial resaltou que os premiados e premiadas, vinculados á sanidade, á educación, á cultura, aos corpos e forzas de seguridade, á administración local, ao sindicalismo, á patronal ou ó xornalismo, “son unha fotografía dos sectores sociais que conforman a fortaleza da provincia de Lugo”. “Quero felicitar moi sinceramente a todas as persoas, empresas e colectivos que reciben este recoñecemento que outorgan os veciños e veciñas do barrio da Milagrosa. Todos os premios son importantes, pero aqueles que libremente deciden os veciños e as veciñas penso que teñen un significado especial”, manifestou.

Con respecto aos premiados e premiadas, o mandatario provincial salientou que “este ano, están persoas relacionadas coa sanidade ou coa educación. Dous piares da sociedade que demostraron a súa importancia e o seu compromiso en datas recentes facendo fronte á pandemia. O mesmo compromiso que demostraron os representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade”, que tamén recibiron distinción. “Sempre preto dos veciños, son garantes do noso benestar e da nosa seguridade, e durante a pandemia foron tamén un factor fundamental”, recoñeceu o Presidente.

Ademais, fixo fincapé en que “como Alcalde e como Presidente da Deputación, é para min unha satisfacción atopar a varios alcaldes entre os premiados. Unha proba de que a Administración Local está cerca dos cidadáns, e de que estes premios manteñen os lazos entre a veciñanza do barrio da Milagrosa e a doutros municipios da nosa provincia”.

Como defensor do diálogo social, dixo, “alégrome de ver xuntos entre os premiados ó secretario xeral da UXT en Lugo e ó presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. Penso que é un símbolo dun diálogo que sempre debemos manter vivo como un factor fundamental para o desenvolvemento social e económico”, subliñou.

Os premiados
A asociación entregou premios a José Miguel Martínez Suárez, capitán da Garda Civil; María Elena Rosendo, delegada da AEAT en Lugo; ao Colexio Oficial de Médicos de Lugo; a Ana Belén Traseira, directora da Uned de Lugo; María Esther Varela, médica de Medicina Xeral da Milagrosa; Carlos López, Alcalde da Fonsagrada; José Luis Raposo, Alcalde de Pedrafita do Cebreiro; Ángel Tomé Roca, secretario xeral de UXT en Lugo; ao Círculo das Artes; a Juan Manuel Vieites Baptista, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); Manuel Vázquez, interventor xeral do Concello de Lugo; Juan José Rodríguez, director do INSS; Francisco José Fraga, vicerreitor do Campus de Lugo; Pepe Seijo, xefe de informativos da Cadena Ser en Lugo; José Manuel Río, inspector na Policía Local de Lugo; María Begoña Seco, xefa territorial da Consellería de Sanidade en Lugo; María Cristina Abades, xefa da área técnica no servizo de Emerxencias; Jaime de Olano, deputado no Congreso dos Deputados; e Olga Louzao, voceira do grupo municipal de Ciudadanos en Lugo.

A cada un dos galardoados fíxoselle entrega do seu premio ao ritmo da súa canción preferida, un feito que dá boa mostra do ambiente festivo e de proximidade desta gala.  

FUENTE: DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO 11/06/2022

GalegoEspañol