Select Page

A segunda das xornadas do programa “Xuntos contra a Violencia de Xénero. Por unha sociedade sen violencia” do ano 2022, organizada pola CoGaVe – Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” e subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e a Igualdade da Xunta de Galicia, celebrouse o día 22 de setembro de 2022 na cidade de Lugo, e máis concretamente no local social da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito de A Milagrosa -que é tamén, na actualidade, o local social da Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo-.

A xornada estivo presentada pola directora do programa, Dna. María José Villamarín Santomé, que estivo acompañada na mesa inicial pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Dna. Susana López Abella, como máxima representante presente da entidade que subvenciona o programa -a Consellería de Promoción do Emprego e a Igualdade da Xunta de Galicia-; ademáis do Delegado Territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, D. Javier Arias Fouz; e polo Presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” – CoGaVe -entidade que organiza e dirixe o programa-, D. Fernando Rois Rois; ademáis do Presidente da Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo, D. Jesús Vázquez Varela -como anfitrión da Federación integrante da CoGaVe que acollía a xornada-.

O público asistente, moi numeroso, como pode apreciarse nas fotografías que se adxuntan, foi tanto masculino como feminino, e de idades diversas, o que resulta moi enriquecedor para que este tipo de programas cheguen de verdade á sociedade.

Ó longo de case tres horas, os profesionais que interviron –Dna. María Núñez Torreiro, psicóloga e terapeuta de vítimas de Violencia de Xénero; Dna. Paula Suárez Gullón, perito xudicial en pedagoxía e psicopedagoxía clínica; e D. Joseba Koldobika Socorro López Pozuelo -xefe da UFAM, Unidade de Familia e Muller, da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Lugo– impartiron sendas ponencias, cada un dentro do seu ámbito e perfil profesional, e inicaron o debate co público asistente acerca da detección de posibles casos de Violencia de Xénero no noso entorno, así como a importancia fundamental de iniciar a prevención desta lacra social que é a Violencia de Xénero, desde as idades máis temperás a través da Educación e a Pedagoxía e a Educación en Igualdade e no respecto mutuo -cobrando especial importancia o papel tanto das escolas e mestres e profesores como do entorno máis cercano ós nenos e nenas, que son a familia e o fogar-. O responsable do Corpo Nacional de Policía, relatou tamén o proceso que vive unha vítima cando acode a Comisaría a interpoñer unha demanda por esta causa.

Na mesa inicial, de carácter institucional, a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Dna. Susana López Abella, fixo un repaso das diferentes medidas que desde a Xunta de Galicia se están a levar a cabo para previr e loitar contra esta lacra social que é a Violencia de Xénero; e na que programas como este, “Xuntos contra a Violencia de Xénero. Por unha sociedade sen Violencia”, dirixido pola CoGaVe, teñen unha importancia fundamental á hora de achegar estas mensaxes á sociedade a través do tecido asociativo de toda Galicia.

Asistiron, tamén, diversos representantes institucionais do Concello de Lugo -os Concelleiros D. Antonio Ameijide Osorio, Dna. Cristina Abades, D. Javier Vázquez Prado e Dna. María del Carmen López Silva-, e da Deputación Provincial de Lugo -o Deputado D. Óscar Poy Franco-; así como o Comisario Xefe Provincial de Operacións da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Lugo, D. Luis Miguel Romera Pérez; o Secretario da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Lugo, D. Guillermo Brao Viñas; o Comisario ex-Xefe Provincial da Comisaría do Corpo Nacional de Lugo D. Antonio Villamarín Rielo; a Delegada da A.E.A.T. -Axencia Estatal de Administración Tributaria- en Lugo, Dna. Elena Rosendo Vázquez, e un longo etcétera.

Novamente, repartíronse dípticos con toda a información.

GalegoEspañol