12 DE NOVIEMBRE DE 2022
A alcaldesa, Inés Rey, foi homenaxeada este sábado en Lugo no contexto da novena edición dos Premios Cogave, que outorga a Confederación Galega de Asociacións Veciñais co obxectivo de poñer en valor a colaboración entre as Administracións públicas, entidades privadas e o tecido asociativo para traballar pola veciñanza.
Nesta novena edición dos premios Cogave, promovida baixo o lema ‘Crer no movemento veciñal’, a rexedora recibiu o galardón de mans de María Luisa Varela Ínsua, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, acompañada de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña.
Durante a súa intervención, e acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, Inés Rey resaltou «o traballo diario que, desde as Administracións públicas e, moi en concreto, as municipais, se pode levar a cabo co obxectivo de tender pontes coa veciñanza». A alcaldesa salientou, ademais, «a importancia das novas tecnoloxías para establecer canles de comunicación directa coa cidadanía», mais lembrou que «é a capacidade de escoita a pé de rúa o que nos axuda a ter unha perspectiva real dos avances e necesidades nos barrios». Para isto, continuou, «o tecido asociativo é clave para traballar con vistas a unha mellora na calidade de vida da cidadanía».
Neste sentido, Inés Rey subliñou os avances experimentados na cidade durante o vixente mandato: «Estamos a impulsar un modelo de cidade máis aberto, accesible e humano, con prioridade para as persoas, a mobilidade sostible e a recuperación progresiva de espazos públicos, como as que estamos a executar a través das peonalizacións, pero tamén coa apertura dos peiraos, onde paso a paso traballamos para abrir o bordo litoral para o gozo das veciñas e veciños».
No acto de entrega de premios, presidido por Fernando Rois, máximo dirixente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais, tamén se homenaxeou ás seguintes persoas e entidades:
- Por parte da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana:
- Inés Rey García, alcaldesa da Coruña
- Fundación Meniños.
- Por parte da Federación de Asociacións Veciñais ‘Lucus Augusti’, da provincia de Lugo:
- Carlos González Juanatey, xefe de cardioloxía do HULA.
- O C.D. Lugo e o seu presidente, Constantino Saqués Pereira.
- Por parte da Federación de Asociacións Veciñais ‘Limiar’, da provincia de Ourense:
- Comedor Social de Cáritas Diocesana de Ourense.
- Asociación Diabética Auria.
- Por parte da Federación de Asociacións Veciñais ‘Eduardo Chao’, de Vigo:
- Natalia Prieto Viso, directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.
- Horacio Gil Expósito, alcalde de Arbo.
- Por parte de la Federación de Asociacións Veciñais ‘Roi Xordo’, de Ferrol:
- Rafael Pillado Lista, histórico político e activista ferrolán.
- Protección Civil de Ferrol.
Además, fíxose entrega dos premios Cogave, a escala galega, a Jesús Vázquez Almuiña, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Carlos Varela García, ex-Fiscal Superior de Galicia; e tamén se emitiu un recoñecemento á Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue.
FONTE: PÁXINA WEB DO CONCELLO DE A CORUÑA 12/11/2022