Por Redacción
22 de Marzo de 2023
A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) reclama máis medios e efectivos de Policía Nacional na cidade ante o aumento da criminalidade: violencia contra os comerciantes, estafas, continuas pelexas rueiras ou roubos, especialmente, a xente maior, situacións que xeran un ambiente de “inseguridade”.
“É imposible protexer aos veciños se non hai axentes suficientes”, lamenta a presidenta da Favec, María Pérez, que mostra a súa preocupación polo incremento de delitos na internet e anima aos cidadáns para participar na concentración convocada por JUPOL, o sindicato maioritario da Policía Nacional, mañá ás 18.00 horas fronte á comisaría da rúa Álvaro Cunqueiro.
Asistirán a vicesecretaria da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), María José Villamarín, así como representantes da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao. A concentración tamén conta co apoio do presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (CoGaVe), Fernando Rois.
A presidenta da entidade veciñal e José Manuel Costas, directivo, reuníronse a semana pasada con dous representantes da organización policial para coñecer as súas demandas e preocupacións, apoiadas pola Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao. “Son reclamacións que compartimos os veciños de Vigo”, defende María Pérez.
FONTE: O NOTICIEIRO . GAL / ONOTICIEIRO.GAL 22/03/2023.