35 asociacións da cidade de Vigo -pertencentes á Favec – Federación de Asociacións Veciñais «Eduardo Chao» de Vigo, membro da CogaVe- presentan as ‘Brigadas veciñais’ ante o “estado de abandono total de barrios e parroquias”
venres 15, setembro 2023
A Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec), que agrupa a 35 entidades da cidade de Vigo, presentou este xoves as Brigadas Veciñais
A Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec), que agrupa a 35 entidades da cidade de Vigo, presentou este xoves as Brigadas Veciñais, unha iniciativa de autoorganización e denuncia que xorde ante «o abandono total nos barrios e parroquias de Vigo por parte do Concello», segundo sinala a Federación. As Brigadas funcionarán cunha canle de Youtube e contas específicas en Facebook e X (anteriormente Twitter) para alertar sobre problemáticas que afectan a distintos lugares do termo municipal.
A local da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores acolleu a presentación da iniciativa, un acto no que partiparon representantes da maior parte das entidades veciñais do Concello de Vigo. Na presentación participaron a presidenta da Favec, María Pérez; a vicesecretaria da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), María José Villamarín Santomé; e o presidente da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores, Antonio Rodríguez.
No acto denunciáronse situacións como «beirarrúas rotas, árbores de gran porte sen poda dende hai anos, problemas de ratas, problemas de accesibilidade para os veciños e veciñas…»
No acto denunciáronse situacións como «beirarrúas rotas, árbores de gran porte sen poda dende hai anos e que se atopan preto dos domicilios, vexetación invadindo as beirarrúas, problemas de ratas e cascudas en varias parroquias, problemas de accesibilidade para os veciños e veciñas, como por exemplo na rúa Bueu, en Coia e noutras zonas da cidade».
As entidades veciñais, que destacan que todas estas problemáticas «xa foron denunciadas ante o Concello de Vigo», anticipan que nas vindeiras semanas acompañararán con imaxes as denuncias concretas sobre estas situacións.
«Pagamos millonadas a concesionarias e non entendemmos por que non se contratan máis brigadas», sinalaron os responsables de Favec, que acusaron o Goberno municipal de ter «outras prioridades máis importantes» que «a calidade de vida dos veciños que pagan impostos e non poden nin andar polas beirarrúas».
A Federación pon a dispoción de todas as persoas interesadas o enderezo de correo electrónico eduardochaofavec@gmail.com para quen «queiran anotarse e deixar as súas queixas e suxestións».
FONTE: PRAZA PÚBLICA 15/09/2023.