7 Marzo, 2024
A Federación provincial de Asociacións Veciñais «Lucus Augusti» de Lugo -membro da CoGaVe-, xunto co grupo de Mulleres Veciñais con motivo da celebración do 8M súmase ao manifesto da Rede Estatal de Mulleres Veciñais, dentro da Confederación Estatal de Asociaciones Veciñales, baixo o lema “Nos dereitos das mulleres, nin un paso atrás”. O manifesto recolle esixencias para avanzar na igualdade real entre homes e mulleres. Entre elas atópase a demanda dunha educación pública, laica e feminista, libre dos valores patriarcais, que promova a igualdade ás aulas, na elección dos itinerarios académicos e nas saídas profesionais.
Ademais, solicitan servizos públicos que garantan unha atención de calidade tanto á infancia de 0 a 6 anos, como nas persoas maiores e en situacións de dependencia e a implementación urxente de medidas para a erradicación da pobreza das mulleres, con políticas de ocupación con perspectiva feminista, así como a inserción social e laboral real e efectiva das mulleres con discapacidade.
O manifesto tamén recolle a petición de pensións dignas e xustas con perspectiva feminista, a derrogación da Lei de Estranxeiría e garantir o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, legal, seguro e gratuíto na sanidade pública e a saúde sexual e reprodutiva. Continúan demandando a reversión dos servizos privatizados a públicos e con xestión directa, “porque é imprescindible contar cuns servizos públicos universais e de calidade para ter o dereito de acceso en condicións de igualdade e equidade” e unha lexislación abolicionista efectiva e progresiva no tempo do sistema de prostitución, da pornografía e os ventres de alugueiro, entre outras demandas.
FONTE: LUGOXA. 07/03/2024.