Select Page

Son xerente da Ganadería Cid de Barreiros, a terceira xeración á fronte dunha explotación na que muximos unhas cen vacas ao día, cunha produción por animal de máis de 12.000 litros de leite ao ano. Dende 2008 son xuíz de Conafe, participei en certames por toda España e en Portugal e xulgarei este ano o concurso de gando frisón da Moexmu.

Bonet Cid, en su ganadería en Barreiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ

CRISTINA ARIAS

13/MAR./24 – 17:19

Estréase como xuíz do concurso de gando frisón da Moexmu no seu 40 aniversario. Que supón?
É un orgullo. Xa fun de neno participar no certame coa gandería familiar. Facíase de noite, daquela era moi diferente. Son moitos anos e seguimos participando, coa mesma granxa pero cambiando de xeración. Xulgar un concurso no que empecei como neno é unha satisfacción. Todos teñen un entusiasmo pero este é especial, é algo difícil de explicar.

Ao ser xuíz non participará.
As dúas cousas non se poden facer (ri), non é lóxico. Pero fallamos poucos anos. O ano pasado non participei pero en 2021 si.

Que ten a Moexmu?
Está moi ben organizada e moi ben situada para toda Galicia. Había outros na provincia: Chantada, Lourenzá… pero só quedou a Moexmu. Por algo será.

Que debe ter unha vaca para ser campioa?
Somos xuíces de morfoloxía e unha vaca holstein o primeiro que ten que ter é un bo sistema mamario, a súa ubre. De aí sae o produto, o leite. Despois ten que ter unhas boas extremidades, que son as que fan que unha vaca se desprace mellor para durmir, comer, beber… e é importante a caixa torácica, debe ser ampla para que a comida sexa transformada en leite.

Pero tamén hai unha parte estética. Na Moexmu todas as vacas pasan por perruquería e maquillaxe.
Os animais prepáranse moito antes. Conleva moito tempo, incluso unha alimentación máis estrita para que siga producindo moitos litros de leite. Hai xente que di que ten boas vacas de produción pero non de concurso. As boas vacas sempre son boas vacas, pero para un concurso van en condicións de peso extraordinario. Están fortes pero vénselles os ósos. Cunha condición corporal diferente non puntúan. E previo a un concurso claro que hai peiteado e maquillaxe: cepíllanse, lávanse, rápanse, peitéanse… Trabállase ata con lacas.

Unha campioa nace ou faise?
As dúas cousas van unidas. Se tes unha boa vaca e non a coidas non lle sacas proveito. A preparación, como nun deportista, é fundamental. Sen preparación é unha boa vaca, non campioa. Pero unha mala vaca pódela mellorar, pero non a ese nivel. Non é un don, pero algo similar. Por algo traballamos con xenética.

Presidiu o Club de Xóvenes Gandeiros. Hai remuda no sector?
Hai mozos nos concursos, que participan coas ganderías familiares. Pero cantos quedan á fronte das explotacións? É complicado. Non se paga o produto co valor que ten, non é suficiente para que a xente colla ánimo. E unha empresa ten que ter marxes, se non a xente non queda.

Cal é o reto?
Estamos nun momento difícil. A ver como queda a PAC, os temas medioambientais, o uso de antibióticos… Temos moitas frontes abertas. Os gandeiros cada vez somos máis profesionais, sabemos xestionar as nosas empresas, pero ás veces pídennos imposibles. Deberíanse facilitar máis as cousas, dar máis información e regular os prezos do leite. O sector lácteo é moi difícil de prognosticar.

FONTE: EL PROGRESO. 13/03/2024.

GalegoEspañol