Select Page

26 Marzo, 2024

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) celebrou este luns a segunda edición do seu cocido de Porco Celta na Casa de Galicia en Madrid. O evento, que se suma a outras frutíferas colaboracións da asociación con esta entidade, contou coa presenza de hostaleiros, bloggers gastronómicos, medios especializados, representantes de distintas institucións e de asociacións galegas e da comunidade de Madrid, figuras da sociedade madrileña e outros integrantes do sector da alimentación de diversas zonas do país.

“Esta é unha convocatoria especial para nós porque, a pesar dos nosos 25 anos de traballo, a raza Porco Celta continúa en risco de desaparición e, desde logo, a súa recuperación e conservación sería imposible se non contásemos co centenar de gandeiros que contribúen, coas súas pequenas granxas, a manter a raza en activo”, subliñou o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez. “Das súas ganderías saen os animais que dan lugar aos excelentes produtos que imos degustar a continuación”, apuntou, á vez que remarcou a intención de que o encontro servise como homenaxe a este labor.

Nesta edición, estivo presente na comida unha representación de gandeiros de Porco Celta, os cales tamén son operadores autorizados para o uso do logotipo 100% Raza Autóctona Porco Celta e puideron falarlles de primeira man aos comensais da calidade dos derivados desta raza, así como do alto nivel do sector produtor en Galicia. “Poucas veces é posible conectar a produción primaria con axentes da comercialización, coa hostalería ou co consumidor final; esta é unha oportunidade inmellorable para establecer esa conexión”, destacou o gandeiro Fernando Calviño en nome de todos os compañeiros de Asoporcel. “Non imaxinamos unha maneira mellor de dar a coñecer o noso traballo e os nosos produtos que facendo honra á gastronomía tradicional galega na capital”, engadiu Calviño.

Pola súa banda, o director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez Prado, quixo destacar na súa intervención a intención da entidade que representa de seguir sendo un nexo entre Galicia e a capital do país e aproveitou a ocasión para poñer en valor o excelente traballo que vén facendo Asoporcel no último cuarto de século a favor da recuperación do Porco Celta.

UN MENÚ 100% GALEGO

Na comida, o prazo estrela foi, por suposto, o Porco Celta, feito seguindo o estilo tradicional da Festa do Cocido de Porco Celta da comarca de Sarria e composto por cabeza, lacón, chourizos, butelo e lombo.

Como acompañamento, patacas coa IGP Pataca de Galicia, grelos coa IGP Grelo de Galicia, pan coa IGP Pan de Galicia e viño con DOP Ribeira Sacra. Para a sobremesa, tamén como novidade deste ano, contaron cos doces das Filloeiras de Muimenta, que prepararon estas elaboracións tipicamente galegas en directo para os asistentes.

FONTE: TerraCháXa. 26/03/2024.

GalegoEspañol