A xornalista Tania Fernández Lombao invitou a «darse de conta da importancia cultural e identitaria» desta cita
01/MAY./24
Un ano máis, a Festa da Filloa de Muimenta puxo de manifesto non só o poder de atracción dunha cita gastronómica, senón tamén o feito de que calquera proxecto que pretenda dar un pulo a un territorio ten que partir dende o colectivo, dende a unión e dende a colaboración entre as persoas.
Os centos de visitantes que se achegaron onte, como cada 1 de maio, ao recinto feiral Manuel Vila puideron comprobalo por si mesmos. E os que non se deron conta tiveron a oportunidade de empezar a valoralo escoitando as verbas da xornalista Tania Fernández Lombao, encargada de ler o pregón nesta trixésimo terceira edición, que, pese a que o tempo fixo das súas nalgún momento, volveu ser todo un éxito ao case esgotar as existencias, repartindo preto de 18.000 filloas.
«Para quen somos de vilas e concellos fronteirizos, resultou sempre envexable a capacidade de traballo colectivo coa que vos expresades ante o mundo», dixo a pregoeira dirixíndose aos veciños de Muimenta, ante os que reivindicou esta parroquia como «vila exemplar de Galicia, na que uns poucos centos de habitantes teñen a capacidade de mobilizar como se fosen milleiros ou millóns».
Lombao recordoulles que, dende 1992, non só transmitiron coñecemento ás seguintes xeracións e formaron novos filloeiros, senón que «o que estivestes facendo foi impulsar a vosa identidade como pobo, inculcar o poder da tradición que vos caracteriza e crear vencellos entre maiores e pequenos».
Así, quixo propoñerlles ás preto de 150 persoas que traballaron onte nesta xornada, e ao resto de veciños, un xogo: «Que esta festa debe ser un darse de conta». «Darse de conta da importancia cultural e identitaria do que facedes cada primeiro de maio, de que todo este traballo non é en balde, de que estades construíndo o futuro usando as raíces do pasado e de que sabedes quen sodes, de onde vides e a onde ides», asegurou.
Ao altruísmo de ducias de personas tamén aludiu o alcalde, Armando Castosa, que definiu esta cita como «un auténtico estandarte do noso concello» nun acto inaugural no que tamén interviron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ou a deputada provincial Marisol Morandeira, que destacaron a colaboración das administracións en pos dun «turismo sostible e respectuoso coa nosa terra e as tradicións».
Todos eles, ademais doutras autoridades e membros da corporación municipal, fixeron entrega dos premios a 20 nenos e nenas galardoados no XXIV Concurso de Relato e Debuxo da Filloa, ademais do galardón especial —unha tablet doada pola USC— a Isadora Louredo, do Ceip Monseivane.
Tamén houbo postos de artesanía e produtos de calidade, exhibicións de cetrería e de agility, demostracións de oficios tradicionais, exposicións e as actuacións da escola de música e baile tradicional da Pastoriza, A Volta do Agro, Leña Verde, Pandereteiras de Muimenta e Eventec.
FUENTE: EL PROGRESO. 01/05/2024.