Select Page

Lun, 20/05/2024

FEIRA DE SAN ISIDRO

MILAGROSA

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, xunto á Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa, Jesús Vázquez, presentou unha nova edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía, que terá lugar esta fin de semana no barrio lucense

“Dende a súa primeira edición, no ano 1998, foise consolidando como un referente na posta en valor dos produtos do noso rural e das nosas tradicións, pero tamén como un importante activo turístico da cidade”, subliñou Miguel Fernández

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, xunto á Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, participou este luns no Salón de Pleno do Concello lucense na presentación dunha nova edición da tradicional Feira de Produtos do Campo e Artesanía de San Isidro, que se celebrará esta fin de semana –entre o venres e o domingo-, na contorna da praza da Milagrosa co apoio da Deputación de Lugo. 

Miguel Fernández salientou que esta feira, que cumpre 27 edicións, “é máis ca un escaparate para os nosos produtos alimentarios e artesáns, pois tamén é un punto de encontro para os nosos veciños e veciñas. É un lugar onde as familias poden desfrutar dun día de entretemento, probando os nosos produtos locais e apoiando aos nosos produtores”. Explicou que esta é unha cita lúdica e cultural que, dende a súa primeira edición, no ano 1998, se foi consolidando como un referente na posta en valor dos produtos “do noso rural e das nosas tradicións, pero tamén como un importante activo turístico da cidade”.

O Deputado indicou que esta Feira de San Isidro retrata moi ben “a personalidade da Milagrosa, un barrio moi dinámico, aberto e inclusivo, pero tamén sintetiza o modelo de desenvolvemento rural que queremos para a provincia de Lugo dende a Deputación. Un modelo no que o sector primario ten un peso capital, cheo de historia e de experiencia, e que, ao mesmo tempo, está aberto ao futuro a través da innovación e da investigación para avanzar en competitividade e valor engadido. Un modelo de desenvolvemento sostible, que coida e que promove os produtos autóctonos, favorecendo o equilibrio territorial e a creación de emprego estable.  Un modelo que, ademais, aproveita as sinerxías do sector primario, a cultura e o turismo para poñer o rural no mapa das grandes rutas do turismo de calidade”.

Este ano, o pregoeiro da cita é o director de El Progreso, Alfonso Riveiro, e unha das grandes novidades será a degustación dun becerro ao espeto o sábado a partir das 19:30 horas. O programa inclúe tamén unha actuación musical, degustacións de embutidos e queixos doados pola Deputación de Lugo, así como a entrega dos premios José Carballido, que será o domingo de peche da feira.

FONTE: PÁXINA WEB DA EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO. 20/05/2024.

GalegoEspañol