Pequenos e maiores quedaron encantados e emprazáronse a volver «de hoxe nun ano»
7 Jun. 2024.
Aproveitando a xornada de xoves da feira en Muimenta tivo lugar a visita dunha representación das filloeir@s de Muimenta (as protagonistas do anuncio de Aceites Abril: Ana, Claudina, Dosinda e Maruja) ao Colexio Público de Muimenta.
As catro filloeiras, aparte de facer filloas, ao longo de toda a maña, para os nenos e nenas do colexio (e para o profesorado), atenderon gustosas ás preguntas que eles lles fixeron. Eles preguntaron como se fan as filloas; que segredo teñen; que ingredientes levan; quen lles ensinaras a elas; cantos anos levaban facendo filloas; por que estaban tan ricas; cantas filloas tiñan feito ao longo da súa vida, ou como levaban a fama (polo anuncio de Aceitas Abril).
Pequenos e maiores quedaron encantados e emprazáronse a volver «de hoxe nun ano» ao colexio para compartir unha xornada co futuro da Festa da Filloa.
Este ano, puxemos en marcha unha nova actividade do programa da Moexmu, na que participaron todos os nenos e nenas do colexio de Muimenta: Coñece a Moexmu dende dentro, e de esa visita, xurdiu a idea de, nunha maña, facer as filloas no propio centro, onde se lles explicara «ao futuro da festa da Filloa», como se fan (como se elabora o amoado, e como se utiliza a prancha, para poñer un par de exemplos).
A maioría dos nenos e nenas animáronse, en quendas, a facer as súas pranchadas, dando bo uso posteriormente ás mesmas. Tamén se elaboraron filloas, sen tocar produtos derivados do porco, para que todos puideran degustalas.
Dende o propio colexio, consideran que os contactos interxeracionais con outras persoas da comunidade educativa teñen un gran valor pedagóxico e cohesionador que contribúen a afianzar as aprendizaxes do alumnado, sendo especialmente relevante o encontro con mulleres da localidade que poden constituír tamén referentes de moito valor para combater os estereotipos, poñendo en contacto a escola con aprendizaxes significativas baseadas en elementos fundamentais da cultura e da gastronomía local.
Dende a comisión da XL Moexmu subscriben as opinións do equipo de profesores e profesoras do colexio e inciden, en que, achegando as filloas e a súa elaboración aos máis novos, se crea o futuro da Festa da Filloa- Festa de interese Turístico de Galicia, ao cal xa contribúe tamén tanto co concurso de debuxo e relato da filloa como coa escola de filloeiras e filloeiros.
FONTE: LUGOXA. 7/06/2024.