Co apoio da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti e a Plataforma Galicia Baleira, solicitan á Consellería de Sanidade a gratuidade das televisións en todas as habitacións dos hospitais públicos de Galicia
16 Ago. 2024.
A Plataforma Lugo en Pé, co apoio da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti e a Plataforma Galicia Baleira, solicita á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a gratuidade das televisións en todas as habitacións dos hospitais públicos de Galicia. “Todos estamos de acordo en que a saúde é o máis importante, pero se a vida te leva a estar ingresado nun hospital de Galicia e queres facer uso do servizo de televisión, tes que facelo pagando e non é precisamente barato este servizo”, aseguran.
Defenden que a xente non vai ao hospital por gusto, “pero se tes que estar durante unha estancia moi prolongada, un post operatorio complicado, un tratamento de longa duración, a xente que está internada e non recibe visitas, ou mesmo os ingresos de pediatría e casos especiais de oncoloxía e oncoloxía pediátrica, deberían poder gozar do servizo de televisión de forma gratuíta. Non é normal que no cárcere poidan ver a televisión de forma gratuíta e se tes a fatalidade de ter que estar ingresado nun hospital, teñas que pagar por este servizo”, denuncian.
Un estudo realizado pola plataforma revela que outras comunidades indistintamente gobernadas por distintos partidos políticos teñen a gratuidade deste servizo. Poñen como exemplos como Castela a Mancha, Valencia (desde 2019), Canarias (desde 2020), Murcia que a anunciou para este 2024 ou provincias como Segovia, Toledo, Albacete, Ciudad Real, Guadalaxara (desde 2023), Cuenca ou Zamora que anunciou a gratuidade en 2024 ou Menorca (desde 2023.
En Galicia tamén solicitan a gratuidade da televisión e a wifi a pacientes e acompañantes para facer máis levadeiras as estancias nos hospitais. Por este motivo, desde a Plataforma Lugo en Pé solicitan á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, que as conexións á rede Wifi, os aparcadoiros interiores dos hospitais, así como o uso das televisións de todas as habitacións dos hospitais públicos de Galicia sexan servizos gratuítos. Con estas medidas pretenden que se proporcione aos pacientes e familiares unha contorna máis agradable durante a súa estancia no hospital. Algo que, aseguran, “a Xunta de Galicia prometeu en varias ocasións e que reiteradamente incumpriu”.
FONTE: LUGOXA. 16/08/2024.