As conversas son «necesarias, xa que a finalidade é chegar a acordos e establecer unhas regras claras para este ano e sucesivos» .
7 Dec. 2024. Desde a Federación Veciñal Lucus Augusti instan aos concelleiros dos partidos políticos con representación municipal, PSOE, BNG e PP; a que manteñan conversas coas comisións de festas «coa finalidade de chegar a acordos e establecer unhas regras claras para este ano e sucesivos, o cal, aínda que poida parecer precipitado, é necesario facelo coa maior premura posible». Así, confían que dita reunión «se levará acabo en breve, vista a boa disposición do goberno local» con respecto a un tema que consideran de vital importancia e de gran interese para os veciños dos barrios de Lugo cidade. Con todo, explican que nos últimos anos xurdiu unha problemática en relación as festas dos barrios da capital de lucense, «problemática probablemente relacionada por como foron evolucionando os festexos, en pequenos cambios no criterio por parte da administración local e a Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, que provocou queixas de asociacións que parte da súa actividade social consiste en organizar de xeito altruísta os festexos do seu barrio, parroquia…», explican. Desde a Federación Veciñal Lucus Augusti explican que en Lugo «hai unha gran tradición e arraigo das festas patronais, que son moi importantes, xa que dinamizan as relacións familiares e veciñais e o sector económico, xa que poden ser esa diferencia que para pequenos negocios locais permita que se manteñan abertos gracias ó incremento das ventas nese período de festexos ou ben nos días anteriores para a preparación dos mesmos». Con todo, as queixas por parte das asociacións que organizan festexos veñen derivadas no relativo a fianza, ós horarios e ó xeito de entregar a documentación necesaria para levar a cabo os eventos con total garantía de seguridade, xa que, din «a Lei de Espectáculos de Galicia complica moito a tramitación necesaria para levar a cabo as verbenas populares». Por iso, desde a Federación consideran «necesario» o traballo conxunto entre o Goberno local e as asociacións e comisións de festas que dinamizan a vida dos barrios. FONTE: LUGOXA. 07/12/2024.