As asinantes deste escrito, nais, pais, familiares, titores e docentes de cativos e rapaces escolarizados en centros da nosa Comunidade Autónoma, actuando cada unha no seu propio nome e dereito, e todas conxuntamente como membros da plataforma “ Dereito a Ensino Sen Risco En Pandemia (DERPA) ”, declarando como medio único aos efectos de notificacións o correo electrónico vueltaseguragalicia@gmail.com, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Lei Orgánica 4/2001 , de 12 de novembro, reguladora do Dereito de Petición, formulamos escrito de PETICIÓN COLECTIVA , en base ao seguinte:
1. A día de hoxe España é o país con máis casos activos de infectados polo virus Covid 19, con máis de 580 abrochos activos en todo o territorio español, e 1.158 casos activos na nosa comunidade ao peche da redacción deste escrito.
2. Analizado o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 para os centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 20-21 emitido conxuntamente pola Consellería de Educación e Sanidade, comprobamos que non só non serve para garantir os nosos dereitos constitucionais á saúde, á integridade física e á educación dos nosos fillos e fillas e dos nosos profesionais da educación, senón que tamén contravén todas as indicacións sanitarias nacionais e internacionais, así como a propia normativa emanada da Xunta de Galicia .
3. Observamos con desacougo que os Grupos de Convivencia Estable en Educación Infantil e Educación Primaria previstos no Protocolo, nunca serán estancos. Sobre todo cando os nenos ao saír do colexio teñen que entrar nun autobús ateigado doutros nenos que proceden doutros cursos, con independencia de que no autobús sexa obrigado o uso de máscara. Por non esquecer que fora do ámbito escolar os nenos e mestres teñen o seu ámbito de relación social, o que pon ao resto dos nenos da burbulla en evidente risco de contaxio, máximo cando poderán xogar e relacionarse sen restricións. O que supón un perigo para a integridade física e a saúde dos nosos fillos.
4. Constatamos con preocupación que se mantén unha ratio totalmente inasumible de 25 nenos e nenas por aula, cando as autoridades sanitarias están recomendando constantemente reducir o máximo posible os contactos, e cando os grupos de xuntanza de non conviventes non deben exceder de 10 persoas. A Organización Mundial da Saúde e numerosos profesionais de prestixio no ámbito nacional recoñecen que nos grupos onde hai conviventes de distinta procedencia, como é o caso das residencias, o risco de contaxio aumenta notablemente.
5. Na mesma liña, debemos aludir ao tempo de permanencia nun espazo pechado sen máscara . Os nenos terán que permanecer xuntos nun espazo cerrado cando as autoridades sanitarias advirten que é perigoso permanecer períodos longos de tempo nesta situación. No apartado 4.2.1 do protocolo, poñen o foco na ventilación e que se o tempo o permite as ventás deberán permanecer abertas o maior tempo posible, pero non esquezamos a climatoloxía de Galicia e as enfermidades vinculadas con sintomatoloxía similar ao Covid-19. Polo que porán en risco a saúde dos nosos fillos e a nosa como familias, deixándonos completamente desamparados aos pais.
6. Así mesmo, observamos con inquedanza que no Protocolo non se establecen medidas específicas para protexer as nenas e nenos que son poboación de risco, así como aos seus familiares ou conviventes, por estar afectados de diferentes patoloxías vinculadas a casos graves de Covid 19.
7. Constatamos ademais que se está deixando a moitas familias sen posibilidades reais de conciliar a vida laboral e familiar, xa que en moitos centros, ante a falta de medios sanitarios, económicos e humanos para garantir a seguridade, non se poden xestionar servizos como os comedores escolares ou o Plan Madruga, esenciais para que as familias fagan efectivo o seu dereito ao traballo.
8. Denunciamos igualmente, que o Protocolo incumpre por un lado o disposto no Real Decreto-ley 21/2020, de 9 de junio, de medidas urgentes de prevención, contención y coordinación para hacer frente a la crisis sanitaria ocasionada por el COVID-19 , no seu artigo 6.1, e por outro na Resolución de 17 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, ao non recoller a obriga do uso de máscara nas aulas, e a reducir a distancia interpersoal de seguridade a 1 metro contabilizado dende o centro da cadeira.
9. Debemos tomar nota da alerta da OMS de que a volta as clases presenciais “sólo empeorará la situación en los paises con transmisión elevada de Covid-19”. E temos para ilustralo o exemplo de Alemania, que unha semana despois da volta ás clases xa teñen que cerrar colexios por terse producido contaxios. As autoridades sanitarias veñen recoñecendo que o contexto máis propicio para os contaxios é permanecer en espazos cerrados con pouca ou mala ventilación, a
permanencia no mesmo dun gran grupo de persoas e estar moito tempo nesta situación. E por desgraza, todos estes elementos se dan no caso da educación presencial nas aulas tal e como se está artellando no Protocolo.
10. Igualmente, tomamos nota de estudos recentes dirixidos polo Hospital Sant Joan de Deu de Barcelona que indican que os nenos teñen a mesma capacidade de infectarse e de transmitir o virus que os adultos; datos publicados polo Hospital Niño Jesús de Madrid, no que 26 pacientes pediátricos necesitaron UCI, segundo o rexistro da Sociedade Española de Coidados Intensivos Pediátricos e 16 menores presentaron cadros graves do síndrome inflamatorio multisistémico , temporalmente relacionado co SARS-CoV-2. Así como as aportacións feitas pola Universidade de Granada , nas que se conclúe que cada neno pode contaxiar indirectamente a arredor de 800 persoas.
11. Ante todo o anterior, preocúpanos especialmente que si os colexios se converten en novos focos de transmisión, como é esperable que aconteza, tal e como expuxo a autoridade sanitaria nacional para a xestión da Pandemia, Fernando Simón, o aumento da base poboacional pediátrica infectada desemboque nun caos nos centros de saúde, nos cales nos atenden eminentemente por vía telefónica, ou ben que non dispoñamos de camas suficientes nas UCIs pediátricas da nosa comunidade e que se comparten con outro tipo de patoloxías, porque algúns serán asintomáticos, pero outros non se librarán de padecer o virus, con máis ou menos dureza, e o noso sistema sanitario ten carencias por todos coñecidas.
12. Entendemos por todo isto, que a asistencia ás clases, nestas condicións tampouco pode ser obrigatoria, pois como pais e nais, se nos está poñendo na situación de desprotexer aos nosos fillos e fillas, sen que a Administración educativa responda ante un posible contaxio nas aulas pola deficiencia do seu Protocolo.
13. Por último, lamentamos que non se nos escoite. Que o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 se impoña sen consensuar coa comunidade educativa, con numerosas eivas, sen prever solucións efectivas para casos de nenas e nenos con circunstancias de risco, con ausencia dun plan viable de educación presencial sen riscos, sen aproveitar esta oportunidade para mellorar as condicións das aulas públicas en Galicia (con déficit de medios, con ratios excesivas, con infraestruturas insuficientes…). que non se tome en consideración a preocupación real das familias, non só pola educación e a conciliación, senon tamén, e de xeito prioritario, pola saúde e integridade física dos seus fillos e fillas, en definitiva, que se menosprece o perigo real de contaxio nas aulas, e se supedite o destino das familias galegas con nenas e nenos á súa sorte.
Por todo o anterior, SOLICITAMOS desta Consellería:
1. Que se admita a trámite a presente petición colectiva de conformidade coa Lei reguladora da mesma, citada no cabeceiro deste escrito, se teña por facilitado o medio citado aos efectos de notificacións, e se lle de o trámite legalmente previsto, con notificación expresa da resolución que se adopte.
2. Que en virtude do exposto, se acorde, mentres dure a pandemia, a voluntariedade da asistencia presencial ás aulas nas etapas de primaria e secundaria nos centros educativos da Comunidade Autónoma Galega, sen menoscabo do dereito á educación das familias que decidan non asistir presencialmente, arbitrando os medios electrónicos que sexan necesarios.
3. Que, se habiliten igualmente, solucións electrónicas para a educación a distancia dos nenos e nenas de infantil, mentres dure a pandemia, sen que a súa non asistencia as clases presenciais, supoña a perda de praza nos centros educativos nos que a teñan asignada.
4. Que se mellore o Protocolo, consensuándoo con toda a comunidade educativa, para que as familias que necesiten e decidan levar aos seus fillos e fillas presencialmente as aulas, teñan garantida a máxima seguridade fronte ao Covid 19, sen menoscabo de dereitos.
5. Que se vele especialmente para non deixar a ningunha nena e neno atrás, atendendo singularmente ás necesidades educativas especiais, e á infancia con risco de exclusión ou abandono escolar, para evitar que se vexan afectados
negativamente polas medidas adoptadas como consecuencia da adaptación das necesidades educativas á situación de pandemia.
6. Que para o caso de terse incorrido en calquera eiva na formulación e presentación deste escrito, se conceda prazo para a súa correción.
Feito en Galicia, a 15 de agosto, de 2020
Se estás interesado/a en recoller sinaturas podes descargar a folla no seguinte ligazón, e presentala cuberta na Liga Reumatolóxica Galega (Travesía de Orillamar 7) ata o día 24 de agosto.