Select Page

O Presidente da Deputación Provincial de Lugo, D. José Tomé Roca, participa na celebración do Día da Árbore organizado pola Federación provincial de Asociacións Veciñais «Lucus Augusti» de Lugo -membro da CoGaVe-, que congregou a máis de 200 persoas no entorno do Rato

Sáb, 25/03/2023 – 14:59

A institución colaborou poñendo a disposición unha parcela de titularidade provincial para a plantación de 20 castiñeiros e tamén entregou unha árbore autóctona a cada un dos asistentes ao encontro

José Tomé enmarcou este apoio “na ampla estratexia de actuación” da Deputación “na que combinamos o coidado e a posta en valor do medio ambiente co impulso de políticas que aproveiten estes inmensos recursos naturais cos que contamos na nosa provincia para favorecer o desenvolvemento social e económico dunha maneira sostible”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que Lugo é unha cidade xa recoñecida en Galicia é fóra da comunidade por ser pioneira nun modelo de cidade sostible de xeito transversal

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto co Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este sábado no acto que organizou polo Día da Árbore a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti no entorno do Rato, en Lugo. Un evento que congregou a máis de 200 persoas e co que a Deputación colaborou poñendo a disposición unha parcela de titularidade provincial para a plantación de 20 castiñeiros e entregando unha árbore autóctona a cada un dos asistentes ao encontro.

José Tomé felicitou ao colectivo por esta iniciativa que se vén celebrando dende hai máis de 30 anos, “unha mostra máis do dinamismo do movemento veciñal da nosa provincia, e tamén do seu compromiso coa conservación do medio ambiente e do noso patrimonio natural”, afirmou. 

O mandatario provincial enmarcou o apoio a esta actividade na “ampla estratexia de actuación” da Deputación “na que combinamos o coidado e a posta en valor do medio ambiente co impulso de políticas que aproveiten estes inmensos recursos naturais cos que contamos na nosa provincia para favorecer o desenvolvemento social e económico dunha maneira sostible. Políticas vinculadas co sector primario, co turismo ou coa cultura”.

A institución ten trazada esta liña de traballo para toda a provincia, pero, sinalou o Presidente, “visualízase particularmente ben no territorio das Reservas da Biosfera, como é o entorno do río Rato, pertencente á de Terras do Miño, onde neste mandato, por exemplo, puxemos en funcionamento os hortos urbanos, dos que a día de hoxe desfrutan máis dun cento de cidadáns e colectivos de Lugo e dos concellos limítrofes”. 
Lembrou así mesmo que ao longo de todo o ano a Deputación organiza neste espazo actividades de lecer e educación ambiental gratuítas para todos os públicos coa finalidade de sensibilizar e fomentar o coñecemento dos recursos ambientais desta contorna. 

Destacou tamén que a institución provincial está despregando na Reserva Terras do Miño os proxectos que financia cos máis de 600.000€ de fondos que conseguiu da Unión Europea para impulsar este territorio.

Coa celebración do Día da Árbore, a Federación de Asociacións de Veciños da provincia busca concienciar sobre o medio ambiente, a importancia da reforestación do territorio, o coidado das zonas verdes e promocionar os produtos de Lugo, xa que durante a comida que se celebrou tras a plantación das árbores degustáronse produtos da provincia.

Un modelo de cidade sostible
Durante a xornada, na que o Concello de Lugo colaborou coa entrega de 250 plantas de lavanda, tomiño e romeu, entre outras especies aromáticas de efectos medicinais, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo en valor a necesidade de desenvolver accións como esta, de concienciación medioambiental e de coidado dos espazos naturais. «Debemos fomentar a corresponsabilidade cidadá na preservación e mellora da nosa contorna, máis nun momento en que afrontamos grandes retos na loita contra o cambio climático, que nos afecta a todas as esferas da vida, na alimentación, na saúde, no uso da auga, na nosa mobilidade ou mesmo na protección da biodiversidade», sostivo.

Neste senso, lembrou que Lugo é unha cidade xa recoñecida en Galicia é fóra da comunidade por ser pioneira nun modelo de cidade sostible de xeito transversal, «pero cada día, cada un de nós, debemos poñer o noso grao de area para deixar aos nosos fillos e fillas o legado dun planeta moito máis sa».

Así mesmo, Lara Méndez, destacou os últimos proxectos do Concello para preservar o Rato, «como o que onte presentamos, da man da Confederación Hidrográfica, para a súa rexeneración integral e para protexelo e crear novos espazos de convivencia veciñal, ou o proxecto de ampliación do cinto verde de Lugo ata a Tolda, co obxectivo de recuperar bosques aluviais e carballeiras e enlazar 3 novos km de senda ciclista».

Ao mesmo tempo, «impulsamos a renaturalización das zonas urbanas e novos espazos para a cidadanía, como son as peonalización do centro histórico, da Calzada da Ponte ou da Rúa do Carme», e incidiu en novos proxectos como a transformación integral da Praza Roxa, que se converterá  nun novo pulmón verde e todo un exemplo de cara onde camiña Lugo na creación de espazos públicos, onde os materiais duros irán desaparecendo en prol de contornas verdes e naturais.

FONTE: PÁXINA WEB DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO – MEDIO AMBIENTE 25/03/2023.

GalegoEspañol