Representantes veciñais lugueses participan na primeira reunión do Consello Confederal da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais – C.E.A.V.
14 Xuño, 2023
A Confederación Estatal de Asociacións Veciñais – CEAV reuniuse en Madrid -na sede da Federación Española de Municipios e Provincias –FEMP-, para celebrar o primeiro Consello Confederal desde a toma de posesión -o pasado 12 de marzo do presente ano- da súa nova Xunta Executiva, presidida polo badalonés Julio Molina Barthe.
A reunión contou cunha ampla representación de toda España, e no caso de Galicia, con María José Villamarín Santomé -actual Vicesecretaria da CEAV e membro, por tanto, da nova Xunta Executiva desta entidade-. Asistiron, ademais, Luís Abel Fernández -secretario da CoGaVe – Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro e da Federación provincial de Asociacións Veciñais Lucus Augusti de Lugo-, e Antonio Villamarín Rielo e María del Carmen Suárez Cruz -membros, ambos, da citada Federación luguesa.
Durante o transcurso da reunión, fíxose unha presentación da nova Xunta Executiva de CEAV, ademais de abordar diversos temas, como a tramitación dunha Proposición Non de Lei no Congreso dos Deputados para lograr unha Declaración Institucional de apoio e recoñecemento ao movemento veciñal e a súa historia en toda España; a presentación de informes das diferentes comisións de traballo, centradas, fundamentalmente, en temas sanitarios -como o amianto-, a igualdade e a terceira idade.
Así mesmo, sentaron as bases do próximo encontro de Grandes Cidades, que terá como sede, Barcelona, e celebrarase xa entrado o próximo outono.
Finalmente, presentouse o novo convenio de colaboración asinado entre a CEAV e o CSCAE -Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España-, para o que asistiu e participou Elvira López, coordinadora das oficinas de rehabilitación do CSCAE.
Dito convenio céntrase na rehabilitación de vivendas, e na concienciación cidadá da importancia da mesma, a través de diversas xornadas piloto ao longo de toda España, que terán lugar, tamén, a partir do próximo outono.
FONTE: DIARIO DIXITAL LUGO XA / GALICIA XA 14/06/2023.