Dende Galicia Baleira defenden que sería para todo o noroeste peninsular unha gran oportunidade de recrear o noso pasado romano .
Cuartel de San Fernando. Lugo. 20 Xuño 2024. Despois dunha nova edición do Arde Lucus, a festa de recreación histórica por excelencia de Lugo, dende Galicia Baleira piden retomar a proposta de construción no Cuartel de San Fernando do Museo da Romanización. Galicia Baleira é unha organización que representa o interior de Galicia co obxectivo de facer propostas para dinamizar a actividade económica e social ou aumentar poboación. Defenden que o Museo da Romanización en Lugo sería para todo o noroeste peninsular unha gran oportunidade de recrear o noso pasado romano, xuntar distintos achados arqueolóxicos e catalogalos, así como converter a Lugo nun referente turístico de primeira orde, tanto para turistas como para investigadores históricos. Ademais, apóianse no gran apoio que provoca entre a sociedade lucense. Lembran que hai uns anos a Xunta de Galicia anunciaba a posibilidade de dispoñer de 12 millóns de euros se alí se instalaba un parador. Esta proposta “disparatada non ten o respaldo social da cidade e a provincia”. Pero, pregúntanse onde están os 12 millóns que se comprometeron para o parador e se se poden destinar ao Museo da Romanización. Insisten na importancia turística, económica, social e arqueolóxica do futuro Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando. “É algo que se nos prometeu aos lucenses e incumpriuse por parte da Xunta de Galicia de forma reiterada”. Dende o colectivo queren coñecer cal é a proposta do PP e da Xunta con respecto ao cuartel.
FONTE: LUGOXA. 20/06/2024.